Un proxecto abordará as capturas incidentais de peixes migradores pola frota pesqueira de Galicia

Viernes, 1 Enero 2021

Un proxecto abordará as capturas incidentais de peixes migradores pola frota pesqueira de Galicia.

 

As actuacións desta investigación financiada pola Fundación Biodiversidade afectarán a todo o espazo mariño no que operan as embarcacións pesqueiras da frota artesanal galega.

 

A través deste proxecto preténdense adecuar as medidas de protección, xestión e conservación destas especies.

Luns, 18 de xaneiro de 2021

1MARDEALOSAS é un proxecto coordinado por investigadores da USC para avaliar o impacto das capturas incidentais da actividade pesqueira sobre a zamborca (Alosa alosa) e a sabella (Alosa fallax), especies incluídas na Directiva Hábitats da UE 92/43/CEE, así como investigar aspectos descoñecidos da súa ecoloxía e distribución no medio mariño, para establecer políticas e plans de xestión eficaces para a súa protección e conservación. Esta é unha iniciativa liderada polo equipo do investigador Fernando Cobo e no que participan doce entidades colaboradoras entre as que se atopan a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Asociación Galega de Investigadores da Auga (AGAIA), armadores de Burela, a Consellaría do Mar da Xunta de Galicia, as confrarías de pescadores da Guarda, Cambados, Fisterra, Malpica de Bergantiños e Vigo, a lonxa da Coruña, o Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia e Sociedade Ibérica de Ictioloxía (SIBIC).

Como explican os investigadores, a nova Política Pesqueira Común (PPC) incide na necesidade de aplicar un enfoque ecosistémico á xestión pesqueira e introduce a obriga de desembarcar todas as capturas, incluídas as consideradas como descartes. Nesta liña, o equipo da USC destaca que as pesqueiras como a de enmalle e nas lonxas galegas, a captura desembarcada ou captura retida inclúe unha elevada proporción de “captura  incidental”, fronte á “captura intencionada”. Entre estas “capturas incidentais” é frecuente atopar a Alosa  alosa e a Alosa  fallax, debido ao seu comportamento  gregario e a que viven en áreas próximas á costa. Ambas as dúas especies son anádromas, isto é, reprodúcense nos ríos, pero presentan unha fase de crecemento mariño; e moi parecidas. “Aínda que hai varias décadas que as dúas especies chegan ás lonxas galegas, o seu escaso valor económico fai que parte das capturas sexan descartadas e devoltas ao mar”, explican os investigadores.

As actuacións deste proxecto afectarán a todo o espazo mariño no que operan as embarcacións pesqueiras da frota artesanal galega, que habitualmente adoitan faenar próximas á costa e dentro dos límites da plataforma continental. Por outra banda, a mobilidade desta frota é relativamente pequena, polo que os barcos habitualmente descargan as súas capturas no seu porto de orixe, aínda que ás veces poden descargar as súas capturas noutro porto dentro da mesma área xeográfica. Así pois, o ámbito de actuación potencial do proxecto terá lugar en múltiples espazos mariños da Rede Natura 2000 da costa galega. 1MARDEALOSAS conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa  Pleamar, cofinanciado polo FEMP.

A través deste proxecto preténdense adecuar as medidas de protección, xestión e conservación destas especies e adaptar a xestión dos espazos mariños e costeiros protexidos da Rede Natura 2000 da rexión á súa presenza, modificando a súa extensión ou declarando novas figuras de protección nos lugares críticos para a especie.