Jesús Gago: «Os datos estimados sitúan en 80 millóns as toneladas de lixo no mar»

Viernes, 22 Junio 2018
Jesús Gago

Recomenda empezar xa a reducir o emprego de bolsas e envases de plástico

No marco do proxecto de detección de lixos mariños que se está levando a cabo nos arredores de Sálvora, hoxe desenvolverase na confraría de pescadores de Aguiño, a partir das 16.30 horas, unha xornada de boas prácticas. Entre os especialistas que lle explicarán aos asistentes as medidas a adoptar para coidar o medio atópase Jesús Gago, investigador do Instituto Español de Oceanografía e especialista mundial en lixo mariño e plásticos.

-Fálase ultimamente da alarmante presenza de plásticos nos océanos, ¿que está pasando?

-É un tema que nos últimos anos saíu á luz a través de investigacións e tamén de observacións. En calquera praia das nosas rías sempre se atopan residuos. É un problema no que se foi afondando. Descoñecemos a cifra exacta, pero os datos estimados sitúan en 80 millóns as toneladas de lixo no mar. Hai que ter en conta que o plástico comezou a ser masivo nos últimos 20 ou 30 anos, pois antes non era de uso cotiá. O problema é que este material persiste moitos anos e ademais resulta atractivo para os animais, que o inxiren e iso deriva en problemas de asfixia ou en vérense enredados con redes, o que se chama pesca pantasma.

-As previsións apuntan a que dentro de 30 anos haberá no mar máis plásticos que peixes...

-As previsións non son moi optimistas, non. O que pasa é que estamos a tempo de remedialo. No 2050 imos ser máis de dez mil millóns de persoas no mundo consumindo, e nos países desenvolvidos consúmese masivamente e aí xorde o problema do plástico, que non é só no mar, senón tamén en tódolos espazos naturais.

-¿Que outros problemas se poden derivar desa presenza masiva de plásticos?

-Hai enfermidades como a disfunción endócrina, na que se ven afectadas os órganos sexuais dos diferentes organismos, o que impide a súa reprodución. O plástico é un material que está composto de diferentes sustancias químicas e é complicado chegar a unha conclusión directa sobre os seus efectos.

-¿Canto tarda en desaparecer?

-A maioría, nunca, polo menos no que ao tempo de vida da poboación actual se refire.

-¿Cales son as medidas a adoptar para frear esta situación?

-Está a prohibición do emprego das bolsas, pero hai países europeos que se están movendo moito neste campo. O noso non é o máis avanzado, senón que imos a remolque de outros. Por poñer un exemplo, no caso dunha botella de auga que pode valer 20 ou 30 céntimos, o 80 ou o 90 % do seu prezo é para o envase. O primeiro é arbitrar. Non ten sentido que se promova a reciclaxe se non hai unha estrutura sólida detrás. ¿Por que se ven latas e botellas tiradas polas rúas? Porque nós pagamos por elas, pero cando as devolvemos non percibimos nada a cambio. Penso que é un problema industrial serio. Os gobernos teñen que chegar a acordos coas industrias e propoñer plans de recollida completos. En moitos países páganse 50 céntimos pola botella baleira de auga.

-A pé de rúa, ¿pensa que a xente está concienciada?

-Hai cada vez máis persoas que levan bolsas recicladas ás tendas e evitan abusar dos envases, pero ás veces son os propios comercios os que cometen erros. A xente estase movendo, pouco a pouco, pero teñen que ser os gobernos os que adopten medidas contundentes, como a prohibición das bolsas de plástico.

-¿Que xestos se deben facer no día a día?

-O primeiro, evitar o emprego de bolsas, sobre todo as pequenas que se entregan por exemplo nas farmacias, que non serven para nada, porque as grandes aínda se poden volver a usar. Tamén hai que evitar mercar botellas de auga. Se alguén pensa que a auga das botellas que está días e días ao sol nun chiringuito de praia é máis saudable que a da billa está moi equivocado.

-¿Cales son os residuos que hai na zona de Sálvora?

-Alí o traballo fundamental que se está a facer é de carácter didáctico e divulgativo. Si que fixemos estudos na Lanzada e en Baldaio, e atopamos sobre todo materiais derivados da pesca. Tamén bastóns de algodón, cabichas, plásticos pequenos... Estes elementos estarían nese top 10 do lixo das praias.